TORTA DE CASTAÑAS DE SAN MARTIÑO
Que tal?
Entre os meses de outubro e novembro aparecen as castañas no chan dentro dos seus ourizos aos pés dos castiñeiros. É tempo de recoller, preparar e papar. E hoxe traémosvos unha receita preciosa para gozar nestes días. Trátase da torta de castañas de San Martiño, un postre doce riquísimo, moi intenso de sabor e que a continuación vos explicamos.
RECEITA
INGREDIENTES:
300 g de leite de vaca/améndoas/coco/soia.
350 g de castañas cocidas e peladas.
160 g de améndoas en po ou fariña de améndoas.
90 g de fariña de repostería fariña de trigo común.
8 g de impulsor ou fermento de repostería.
150 g de manteiga en pomada.
200 g de azucre 150g + 50g.
3 ovos grandes ou 4 medianos.
Chisco de sal.
Para a decoración.
Azucre glas.
50 g de chocolate de cobertura ou tubiños con chocolate líquido que venden nos supermercados para facer letras.
ELABORACIÓN:
COCER E PELAR AS CASTAÑAS:
OPCIÓN A
Escaldamos no microondas, para iso facemos unha incisión pequena cun coitelo afiado en cada castaña (dese modo evitaremos que exploten), colocámolas nun recipiente apto para microondas, cubrímolas con auga e con filme transparente e cocémolas durante apróximadamente 20 minutos (se as castañas son grandes) ou 16 minutos (se son máis pequenas) nun forno con potencia de 800W. Lembrade, hai que pelalas cando áun están quentes ou será imposible.
OPCIÓN B
Facemos unha pequena incisión nas castañas e introducímolas nunha pota e cubrímolas de auga fría. Deixámolas ferver a lume medio-baixo durante aproximadamente 15 minutos. O tempo depende do tamaño da castaña, así que aos 12-13 minutos proba cunha e comproba que se pela ben. Retiramos do lume pero non sacamos as castañas da auga, dese modo permanecerán quentes máis tempo e permitiranos pelalas sen problema, se as castañas arrefrían será imposible pelalas ben. Imos sacando da auga quente entre 4 e 5 castañas de cada vez para que se amornen un pouco e non nos queimemos e pelámolas. Reservamos.
DESPOIS DE PELADAS AS CASTAÑAS:
Cando as castañas estean xa cocidas e tenras, trituramos co leite ata formar unha crema (se fose necesario poderías engadir un pouco máis de leite). A textura debe quedar como unha crema espesa. Non é necesario que quede totalmente triturada, se queda algún anaquiño queda rico atoparllo despois. Deixa amornar mentres continúas a elaboración.
Acende o forno a 180º con calor arriba e abaixo e coloca a reixa na segunda guía do forno comezando a contar desde abaixo.
Mestura a fariña de trigo coa fariña de améndoas e o fermento de repostería. Reserva.
Separa as claras das xemas, reserva as xemas nun bol e noutro monta as claras cun chisco de sal e 50 g de azucre ata que estean ben firmes. Reserva.
Verte os 150 g de azucre nun bol, engade a manteiga en pomada, mestura ben ata ter unha textura homoxénea e o azucre se integre perfectamente coa manteiga.
Engade as xemas e continúa mesturando.
Agrega a crema de castañas e mestura ben.
Incorpora en dúas quendas a mestura de fariña de trigo e améndoas e non engadas a seguinte ata que a anterior non se integrou perfectamente.
Por último, engade en dúas veces as claras montadas a piques de neve e incorpora con movementos envolventes, dotando así á masa de todo o aire das claras.
Forra a base do molde con papel de enfornar e engraxa os laterais, verte a masa, alisa cunha espátula, enforna os primeiros 15 minutos a 180º, baixa a temperatura a 170º e enforna 40 minutos máis ou ata que picando cun escarvadentes, saia seco.
Retira do forno, agarda 10 minutos e desmolda sobre unha reixa.
DECORACIÓN:
Cando a torta estea totalmente fría, empoa azucre glas e co chocolate derretido a baño maría (ou no microondas en fraccións de 15 segundos) nunha manga pasteleira ou nun biberón de cociña, debuxa as letras "San Martiño", acompaña cunhas castañas en caldo de azucre. Serve.

.jpg)

Comentarios
Publicar un comentario