DICIONARIO GTB: ÁRBORES
Como vai?
Xa sabedes que no pasado festival de Entroido, fixemos no escenario un mosaico de árboles galegas que fomos presentando na introdución de cada actuación. Hoxe queremos presentárvolos na nosa sección do Dicionario GTB as árbores que alí estaban.
4ª, 5ª e 6ª de educación infantil elixiron o CARBALLO (Quercus robur), unha árbore caducifolia da familia das fagáceas, de gran tamaño, cerna moi dura, copa ampla, follas glabras con lobos, flores masculinas en amentos e femininas terminais, que ten como froito a landra sobre un longo pedúnculo.
Cando unha persoa é forte comparámola cun carballo.
1º de educación primaria decantouse polo PIÑEIRO (Pinus pinaster). Falamos dunha árbore da familia das pináceas, de folla perenne en forma de agulla, que ten como froito a piña e como semente o piñón, e do cal existen varias especies.
Os pinos é un poema de Eduardo Pondal dentro da súa obra Queixume dos pinos (1886) cuxas catro primeiras estrofas cantamos orgullosos no noso himno de Galicia.
2º de educación primaria escolleu o CASTIÑEIRO (Castanea sativa), árbore grande da familia das fagáceas, de copa ancha, folla caduca, flores brancas e madeira moi apreciada, que ten como froito ourizos que conteñen as castañas.
E que meses de outono pasamos papando nas castañas? Que magostos tan fermosos, ano tras ano, podemos vivir grazas a esta árbore?
3º de educación primaria preparou a NOGUEIRA (Juglans regia), unha árbore da familia das xuglandáceas, de grande altura e madeira moi apreciada, coas follas imparipinnadas, flores masculinas en amentos e femininas solitarias ou agrupadas, que ten por froito a noz.
Lembrade que catro ou cinco noces ao día son unha garantía de saúde e non dubidedes en introducilas na vosa dieta.
4º de educación primaria elixiu o TEIXO (Taxus baccata), que é unha árbore conífera da familia das taxáceas de ata quince metros de altura, con pólas moi mestas que nacen desde a base do tronco, follas aciculadas e coriáceas, e froitos en forma de bagas vermellas.
Sabiades que os teixos son consideradas as árbores dos cemiterios e que tamén son moi habituais arredor das igrexas rurais?
5º de educación primaria decidiu facer o SALGUEIRO (Salix), unha árbore da familia das salicáceas, de folla caduca, propia de lugares húmidos, da que existen numerosas especies, case todas de ramas longas e flexibles e de follas lanceoladas e tomentosas.
Na primeira liña da beira dos ríos galegos, incluso dentro deles, resiste o salgueiro o paso dos anos e embelecen a nosa paisaxe.
6º de educación primaria fixo o ACIVRO (Ilex aquifolium), unha árbore silvestre da familia das aquifoláceas, de follas brillantes elípticas ou ovais, duras e con espiñas nos bordos, flores brancas, froito en forma de baga de cor vermella e madeira de cor clara, dura e compacta.
A lentitude no crecemento desta árbore é un canto a contemplar a vida con calma e delicadeza, idea moi interesante para loitar contra esta sociedade hipervitaminada.
Esperamos que aprendérades moito. Chao!
Comentarios
Publicar un comentario