PROXECTO SARGADELOS (O DE DÍAZ PARDO, NON O DE SEGISMUNDO GARCÍA)
Moi boas!
No anterior post falabamos da importancia de Isaac Díaz Pardo e da súa influencia na cultura galega e española e, en relación con isto e co documental As miradas de Isaac que visionaron na actividade de Cinefórum, a clase de 3º de EP fixo un proxecto nas áreas de Lingua Galega, Ciencias Sociais e Plástica sobre o mundo de Sargadelos. E quede claro que a admiración é a aquel Sargadelos de Isaac e non á actual empresa de Segismundo García de quen só se pode aprender a como non ser. Respecto para quen respecta.
Trátase dunha exposición con varias partes.
Na primeira parte, por un lado imitaron en pratos de plástico (os típicos de aniversario) algúns dos decorados máis coñecidos da empresa. Por outro, crearon os seus propios deseños para louza, do mesmo xeito que cursillistas de todo o mundo facían na Escola Libre de Sargadelos (en Cervo) durante os meses de verán.
Na segunda parte, turno para o Laboratorio de Formas, que orixinalmente fundou Isaac xunto a Luís Seoane en Arxentina, un proxecto clave para a cultura galega do século XX e que serviu de inspiración para o noso propio Laboratorio de Formas. Fotografía e deseño gráfico manual. En canto ás fotos, o alumnado fixo un traballo de observación da arquitectura e dos elementos humanizados do noso entorno escolar para estudar todo ese mundo de formas que nos envolve e nos acompaña a diario e que logo serve para deseñar e decorar. Posteriormente, foron sacando as fotografías de diferentes rincóns coas que se crearon as montaxes de imaxes en A3. E en canto ao deseño gráfico, as crianzas deseñaron láminas en formato A5 influenciados polas ilustracións feitas, por exemplo, para as portadas dos libros de Ediciós do Castro.
Un proxecto que resultou fermosísimo e que podedes descubrir na cuberta da entrada do cole, un espazo que pasou de ser feo coma o demo a guapo coma o sol.
Ala!
E se vos gusta, non esquezades dicirllo a estes seres tan marabillosos. A Irene, Martina, César, Ali, Carmen, Amelia, Andrea, Nuno, Luján, Dani, Álex, Zara, Pablo, Sofi e Vera... porque as cousas boas hai que dicilas!
Dende aquí, preto de Sargadelos, na Mariña de Lugo, un traballo precioso. Moitos aplausos para ese alumnado.
ResponderEliminar