II ROMARÍA POP das LETRAS GALEGAS!
O pasado martes 16 de maio, co motivo da celebración do Día das Letras Galegas e como nos gustou moito esta experiencia o curso pasado, festexamos a II Romaría Pop indo ata o parque da Igrexa Románica de Cambre.
A cativada de infantil, 1º e 2º de primaria foron ata alí en autobús e o alumnado desde 3º ata 6º de primaria foron andando.
Foi un día con multitude de actividades desfrutando do aire libre, da natureza, da compañía, das verbas, da música, da nosa lingua, da nosa cultura,... en definitiva, desfrutando dunha xornada moi enriquecedora e fermosa.
Así foi que, realizamos obradoiros de xogos populares (pano, ra, chave, petanca), obradoiros de arte (debuxos xeométricos con xiz, estampación en pedra, debuxos cooperativos, confección de pulseiras).
Desfrutamos dun tempo para o petisco de media mañá, de xogo libre, ao mesmo tempo que gozabamos da lectura continuada de textos de Francisco Fernández del Riego. E como non, nunha romaría galega nunca pode faltar, o folclore, a música e o baile, por iso houbo tempo para desfrutar de actuacións teatrais e musicais duns grandes artistas que temos no noso colexio na que rematamos cantando a canción favorita do escritor homenaxeado "A miña burriña", a cal lle cantaba a súa avoa cando era pequeno.
A continuación, deixámosvos un claro exemplo do fermoso día que pasamos coas seguintes fotos...
Ata o ano que vén!
Comentarios
Publicar un comentario