INFLUENCERS: ROGELIO SANTOS QUEIRUGA
Boas!
Fuchicando, fuchicando... atopei! E fuchicando, fuchicando... aprendín!
Que alegría se sente cando encontramos fontes de información e de cultura tan xenerosas coma esta.
O da foto é Rogelio Santos Queiruga, un mariñeiro de Porto do Son que, desde as súas redes sociais aporta o seu gran de area na batalla por salvar o planeta, sensibilizando no coidado do medio ambiente e no coñecemento da contorna que nos arrodea.
O labor que fai é marabilloso, moi atractivo de ver e escoitar, tremendamente didáctico, clariño de entender e amable nas explicacións.
Lamentablemente, foi noticia fai uns días pola polémica creada debido ao uso da lingua galega para comunicar. Parece ser que algúns/algunhas usuarios/as sentíanse agraviados/as por non entenderen nada de nada... ou por parecerlles que en galego chega a menos xente e, claro, tremenda pena... ou por non entender o radicalismo dun señor que fala na lingua propia da súa terra... ou por estar fartos xa de tanto independentismo... Imaxinades que uns/unhas usuarios/as reprenderan a un mariñeiro de Alxeciras por empregar o castelán sendo que no mundo se entendería mellor o inglés?
Se cadra, sería bastante máis interesante que as persoas que critican tanto e tan a miúdo, colaborasen e se propuxesen crear uns subtítulos para ditos vídeos...
Semella que a cousa é non querer ver o fermoso traballo que fai Rogelio e non comprender aínda, a estas alturas de século, como o concepto local se converte en global con respecto e admiración.
En fin, desde aquí queremos felicitar a Rogelio por ser como é, por aportar tanto a esta sociedade e por facelo en galego. Grazas!
Se queredes aprender con el, pinchade aquí para acceder ao seu perfil de YouTube.
Desfrutade tamén deste vídeo que vos deixamos como mostra:
Comentarios
Publicar un comentario