DICIONARIO GTB: 11 APEIROS DE LABRANZA
Ola!
Doce palabras traemos hoxe, doce conceptos relativos á terra e ao monte e a como nos relacionamos as persoas con estes elementos.
Sacho:
Utensilio de labranza para remover a terra, que ten formas e tamaños diversos segundo os lugares e que pode ter ou non gallas na parte de atrás.
Fouce:
Instrumento de labranza de folla curva, grosa e forte co mango máis longo ca o da fouciña, que se utiliza para rozar.
Fouciña:
Instrumento de labranza coa folla curva e mango curto, que se utiliza para segar.
Forcado:
Instrumento que consta dun mango longo rematado en dúas, tres ou catro gallas, que pode ser todo de madeira ou ter as gallas de ferro, e que se utiliza para apañar estrume, herba, palla, ou para sacar ou meter o pan no forno, para atizar o lume etc.
Gadaño:
Instrumento de labranza de folla curva, grosa e forte, que se utiliza para rozar.
Gadaña:
Apeiro para segar que ten unha folla moito máis longa e larga ca a do fouciño, con forma de triángulo curvo e suxeita a un mango longo con dúas asas.
Brosa:
Instrumento para cortar formado por unha folla grosa, polo xeral en forma de trapecio, con gume por un lado, unida a un mango de pau.
Grade:
Instrumento de labranza en forma de grella grande, de madeira ou de ferro, con dentes na parte interior, co que se achaia a terra e se desfán os terróns despois de labrada.
Arado:
Aparello agrícola movido por tracción animal ou mecánica, que se utiliza para arar ou labrar a terra e que se caracteriza fundamentalmente por levar unha prancha de ferro ou rella que se crava na terra e abre regos.
Pa:
Utensilio constituído por unha lámina de madeira ou doutro material, xeralmente de forma cadrada ou arredondada e na maior parte dos casos cunha certa concavidade, que se adapta a un mango máis ou menos longo e se utiliza para coller e trasladar dun lugar a outro unha cousa, remexer a terra etc.
Raño:
Apeiro que consta dun mango de pau e de dous ou máis dentes de ferro longos e afiados, que se emprega para sachar, remover a terra, tirar o esterco das cortes etc.
Comentarios
Publicar un comentario